Chert de Rhynie

Mostra de man do chert de Rhynie, xacemento paleontolóxico da localidade de Rhynie, Escocia.

Coordenadas: 57°20′12″N 002°50′29″O / 57.33667, -2.84139

O chert[1] de Rhynie é un depósito sedimentario do Devoniano inferior[2] que contén fósiles que conservan grandes detalles e son con frecuencia completos, constituíndo un Lagerstätte.[3] O chert é unha rocha sedimentaria de gran fino composta por cuarzo micro- ou criptocristalino, similar ao sílex.[4] O xacemento aflora preto da aldea de Rhynie, Aberdeenshire, Escocia; unha segunda unidade chamada chert de Windyfield, está situada a uns 700 m de distancia. O chert de Rhynie contén plantas excepcionalmente conservadas (entre elas Rhynia, que recibe o seu nome polo topónimo), fungos, liques e material animal[2] preservado no seu lugar pola superposición dun depósito volcánico. A maior parte da capa fósil do Devoniano consiste en plantas primitivas (que tiñan células condutoras de auga e esporanxios, pero non verdadeiras follas), xunto con artrópodos, liques, algas e fungos.

Esta capa fósil é salientable por dúas razóns. Primeira, a idade do xacemento (Praguiano, Devoniano temperán, formado hai uns 410 millóns de anos)[5][6] sitúao nunha etapa inicial da colonización da terra firme polos seres vivos. Segunda, estes cherts son famosos polo seu excepcional estado de preservación ultraestrutural, que permite ver facilmente células individuais en espécimes puídos. Tamén se poden observar e contar estomas e detectarse restos de lignina no material vexetal, e pode verse nas preparacións de cortes transversais das mostras o aparato respiratorio dos trigonotárbidos (da clase Arachnida), coñecidos como pulmóns en libro. Poden observarse tamén hifas de fungos entrando en material vexetal, actuando como descompoñedores e simbiontes micorrícicos.

  1. Definición de chert no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  2. 2,0 2,1 Garwood, Russell J; Oliver, Heather; Spencer, Alan R T (2019). "An introduction to the Rhynie chert". Geological Magazine 157 (1): 47–64. ISSN 0016-7568. doi:10.1017/S0016756819000670. 
  3. Nunn, Elizabeth. "The Rhynie Chert". Fossil Lagerstätten. Department of Earth Sciences, University of Bristol. Arquivado dende o orixinal o 1 de decembro de 2017. Consultado o 23 de novembro de 2017. 
  4. Knauth, L. Paul (1 de xuño de 1979). "A model for the origin of chert in limestone". Geology 7 (6): 274–77. Bibcode:1979Geo.....7..274K. doi:10.1130/0091-7613(1979)7<274:AMFTOO>2.0.CO;2. 
  5. Rice, C. M., Ashcroft, W. A., Batten, D. J., Boyce, A. J., Caulfield, J. B. D., Fallick, A. E., Hole, M. J., Jones, E., Pearson, M. J., Rogers, G., Saxton, J. M., Stuart, F. M., Trewin, N. H. & Turner, G. (1995). "A Devonian auriferous hot spring system, Rhynie, Scotland". Journal of the Geological Society, London 152 (2): 229–250. Bibcode:1995JGSoc.152..229R. doi:10.1144/gsjgs.152.2.0229. 
  6. Parry, S.F.; Noble S.R.; Crowley Q.G.; Wellman C.H. (2011). "A high-precision U–Pb age constraint on the Rhynie Chert Konservat-Lagerstätte: time scale and other implications". Journal of the Geological Society 168 (4): 863–872. Bibcode:2011JGSoc.168..863P. doi:10.1144/0016-76492010-043. 

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search